– Como fas para non ter fillos? Todos os animais téñenos, as xirafas, os búfalos, os leóns, mesmo as pitas crían, todos agás ti, que non es quen –díxolle.
A muller, farta das queixas e de todo o resto, decidiu vingarse. Choeuse durante nove meses nunha barraca, evitando os que se lle querían achegar. Após nove meses, fixera un ovo grande, do tamaño dun neno, mais sempre era un ovo.
– Ao menos agora has calar de vez.
Mais o paisano non se daba acontentado nunca.
Pasou o tempo e o ovo medraba até ter o tamaño dun home, mais sempre era un ovo. For como for, chegara o ovo á idade de casar segundo o pai, daquela comezou a lle procurar unha esposa polas aldeas veciñas.
Un día chegou a un lugar onde viu unha rapaza bonita e arreo foi para a chouza do pai para lle pedir a man dela. O pai da rapaza non podía certamente imaxinar que o fillo do paisano fose un ovo. Tornados o xefe da tribo e mais a rapaza á aldea, todos recibíronos pai moito ben, de boas maneiras, mais o esposo non se vía por ningures.
– Cando hei ver o meu home –preguntaba a rapaza á muller do xefe da tribo.
– Axiña, axiña –respondía ela.
Mais o tempo pasaba, a rapaza seguía a morar naquela aldea, mesmo atopábase ben, até o punto de esquecer o esposo prometido. Até que un día, da que voltaba da fraga, viu un ovo grande que saía pola porta da chouza do xefe da tribo. Cantaba unha cantiga moi triste:
– Por que casei cunha rapaza tan bonita.
Axiña a rapaza deu comprendido todo. Aquel ovo era o seu esposo. Ela botou a chorar desesperada. O bruxo, que vira todo, preguntoulle o que lle acontecera:
– O meu home é un ovo –dixo ela.
– Acouga –dixo el–, que hei axudarche. Fai o que che diga: pono nunha alcatifa, móllao con auga a bulir e cúbreo con este emplaste que che dou eu. Cúbreo logo cun cobertor e esconde a casca de maneira que el non a poida ver nunca. Deste xeito non se tornará a converter nunca máis en ovo. Volve mañá de mañá e o ovo será un marido curioso”.
A rapaza encomendouse ao bruxo e á outra mañá sentiuse outra cantiga:
– Que linda a miña perna, e a outra tamén: que lindo o meu brazo, e o outro tamén; que linda a miña cabeza...
Cando a cantiga rematou, de embaixo do cobertor saíu un guapo rapaz, o esposo. Ao xefe da tribo non lle entraba na cabeza aquilo, pero acabou recoñecendo que lle prestaba a nova situación, de xeito que lles agasallou ao fillo e á muller unhas cantas peles, un mandil, unha lanza, un escudo e outras cousas.
Ao ovo prestáballe o estar casado, porque era algo ben pracenteiro, por tanto, chegou a pensar en casar unha segunda muller. Pero á esposa este pensamento non lle gustou para nada, non lle facía graza, e tornouse ben ciumenta. Con todo o que ela fixera por el, agora o home ía botarse nas mans doutras mulleres?
Ai, non!
Daquela volveu procurarlle a casca do ovo e colocoulla enriba do cobertor. Ouviuse un zunido e o home converteuse de novo en ovo, grande coma un home, mais sempre era un ovo.
Ao cabo, a rapaza volveu para a súa aldea e alí procurou outro esposo, un home completo que for todo para ela.
© da adaptación: Ivo Murgia
© da tradución: XFC
All rights reserved worldwide

1 comentarios:
quê linda, gostei muito da tua tradução!
www.ivomurgia.splinder.com
Enviar um comentário